jueves, 31 de julio de 2014

Historias dos nazis en Lugo (Primeira): Unha festa lucense para Adolf Hitler

En Febreiro e Marzo de 1937 celebráronse en varias localidades lucenses diversos actos de homenaxe ás ditaduras italiana e alemá. Non tiña transcorrido nin un ano desde a sublevación militar. Os actos foron organizados pola falanxe lucense para reforzar os lazos do que se chamaba, naqueles tempos, a “Nueva España” para cos fascismos amigos. O primeiro deles foi o 26 de Febreiro no Círculo das Artes, e consistiu nunha homenaxe a Italia.
Crónica do acto de homenaxe a Italia e a Mussolini en Lugo
Un descomunal pano negro decoraba o escenario. Nel escribiron: “Camaradas caídos. !Presente!”. A marcha real de Italia e o himno fascista “Giovinezza” abriron o acto. O público ergueuse e brazo en alto agardou o final da música. O representante do falanxismo lucense, Antonio Pedrosa, sube ao escenario. Tómase o seu tempo primeiro e despois prende na palabra o fascista Pedrosa Latas, xefe local de FE no ano de 1936, fillo predilecto da cidade de Lugo e candidato a Cortes por Alianza Popular en 1977, e gaba intensamente a figura de Benito Mussolini, a quen chama “cerebro de Europa”, e que define finalmente como un “corazón de patriota”.
Antonio Pedrosa Latas
Anos despois non se arrepentirá Pedrosa Latas de toda a infamia daqueles anos. Anos despois se cadra aínda pensaba que todos os mortos foron necesarios, a pesar da súa progresiva acomodación á democracia con Alianza Popular, a pesar dos seus cargos como procurador en cortes ou consejero nacional del movimiento, aínda pensaba que claro que si, que todo foi como debía ser, aquel fascista e asasino. E eu non digo nada, non chamo asasino por chamar, eu non insulto a ninguén, porque xa se vale o mesmo Antonio Pedrosa nas súas entrevistas para presumir daquelas cazatas fascistas. Para presumir da violencia. Nos anos setenta, por exemplo, na entrevista no libro “Los Lucenses” de Rivera Cela:  “Ganar con las armas lo que no pudimos ganar con las razones”, dicía para explicar a súa actuación na guerra, aínda que despois puntualiza, sen dúbida para tranquilizarnos “aunque razones nos sobraran”, pero aínda hai máis:“Entonces, aquellos grupos de falangistas no pensaron más que en el futuro de España como nación, prescindiendo de muchas cosas, sin prejuicios y hasta remontando una violencia que habíamos sido los primeros en repudiar, pero aceptándola en el terreno del honor con sacrificio, con drama, con dolor, con toda la tragedia que supone una guerra civil”. Traxedia que non lle impediu ao falanxismo lugués torturar o profesor Glicerio Albarrán nos locais de FE na praza de Santo Domingo. Naquela noite infame, onde tamén estaba, oculto e nun segundo plano, pero presente, o intelectual nacionalista Evaristo Correa Calderón. Non sabemos que foi o que viviu Evaristo, ou mellor dito o que quixo suprimir da súa memoria, non sabemos se tanto Evaristo como o seu irmán Juan Antonio (dirixente do falanxismo lucense) lembrarían naquela noite outras noites máis plácidas no Círculo das Artes, arredor do primeiro grupo de cinéfilos que houbo en Lugo na época republicana, o Grupo Ars, e no que, casualidades desta vida, tamén estaba o mestre do Instituto lucense, e ademais republicano, Glicerio Albarrán.
Evaristo Correa Calderón
Pero en realidade non lle debeu parecer moi agradable ao escritor neirés, non debeu ser unha tortura moi do seu gusto, e non cremos que falasen Evaristo e Glicerio de cine naquela ocasión, porque a causa daquela noite Correa Calderón marcharía definitivamente de Falanxe. Traxedia que non impediu que os seus acólitos, os acólitos de Pedrosa Latas, quero dicir, mallaran de forma encarnizada en Avelino e César López Otero que morrerían días despois a causa das súas feridas. Esa era a súa violencia, a violencia”en el terreno del honor”. Pero a memoria de Pedrosa Latas é unha memoria fráxil. Incluso unha verdadeira desmemoria. Nesa mesma entrevista, por exemplo, lémbrase moi ben Pedrosa Latas das ofensas da república: “En este sentido anecdótico tengo que recordar aquellas célebres sesiones del ayuntamiento de Lugo en el año 32, cuando se quería prohibir los entierros católicos, cuando la Capilla del Hospital tenía que convertirse en garage etc etc ... y decidimos interrumpir una sesión de la corporación municipal; lo hicimos, pero salimos todos lesionados, especialmente nosotros”. Era moito prohibir de todas formas, aínda que a anécdota é real, é máis, foi a Juventud Antoniana e a Juventud Regional de Derechas para máis concreción e a cousa acabou a marrazos. Diso lémbrase Pedrosa Latas. Pero cando chega a guerra civil di: “lo que puedo decir en ese sentido es que la Falange de Lugo, entonces, protagonizó políticamente el alzamiento militar proclamado para el 19 de Julio; aquel alzamiento para el que la Falange estaba preparada de acuerdo con los mandos militares, al menos en esta provincia, para el 16 de febrero de 1936”. E aquí omite, ou exerce a súa memoria fráxil, o antigo procurador en cortes, porque nada máis di. Esquece Antonio Pedrosa Latas a persoa responsable de organizar aquel alzamento na cidade de Lugo? Esquece daquela as viaxes a Lugo de Manuel Hedilla para falar cos mandos militares, e con el, e con Zabarte? Porque é moito esquecer, sen dúbida, aínda que Hedilla, fascista até a médula, foi expulsado ás tebras interiores do franquismo pola súa oposición a Franco, e non era un demócrata precisamente Hedilla, senón un nazi feroz, pero a mente dos partidarios de sistemas totalitarios funciona así, a saltos, independentemente de que o nome a esquecer, a borrar da historia por discrepante sexa o de Manuel Hedilla ou o de León Troski. Esquece Pedrosa Latas a orde de que Juan Antonio Correa Calderón vaia advertir a Mario González Zaera, oculto na aldea de Carrigueiros, que Hedilla está no Hotel Méndez Núñez para preparar a sublevación? Porque a memoria de Pedrosa non é tan boa,escasa incluso, senón falaríanos dos 1300 fusís entregados á FE antes do alzamento na cidade das murallas. Senón lembraría aquelas palabras de Mario González Zaera, asasino e estafador entre outras moitas ocupacións (e eu non digo nada, repito, non son as miñas palabras, neste caso xa o din os tribunais franquistas que o procesan por esas mesmas causas): “Yo había recibido órdenes, verbales y escritas, de Manuel Hedilla, acerca de la intervención de los falangistas en funciones de policía y, para cumplirlas, las circulé por las cuatro provincias gallegas”. E que en paz descansen Pedrosa Latas e González Zaera, ou mellor dito, que descansen onde a conciencia lle deixe repousar, se é que nalgún caso se pode repousar coa memoria chea de sangue e lama. Se é que nalgún caso as almas de Rafael de Vega Barrera, José Ramos, Perfecto Abelairas, Ramón García e tantos outros deixan descansar na súa tumba a Antonio Pedrosa Latas, que, sinceramente, non o creo.
Pero estamos na homenaxe ao fascismo romano en Lugo. Non nos despistemos. Nos días previos a falanxe facía chamamentos para que os lucenses asistiran a ese acto por civismo. Despois de Pedrosa Latas sube Villanueva ao escenario e fala do de sempre: Hitler, o Duce, Franco, o comunismo, os masóns, Isabel e Fernando ... nada que sexa pertinente, a verdade. Despois a proxección dunhas películas porque non todo van ser cancións e discursos. “Camino de héroes” e “Bajo el signo de Littorio”.
Crónica do acto de homenaxe a Alemania e a Hitler en Lugo.
O 1 de Marzo repítese a homenaxe nesta caso centrando as honras en Adolf Hitler e os nazis. O Círculo das Artes está a rebordar. As esvásticas toman presenza na cidade das murallas. A banda militar do rexemento de Zaragoza interpreta os acordes dos himnos xermanos. Despois dos militares quen acompaña o interludio musical son os coros mixtos do Instituto de Segunda Ensinanza. Cando remata o concerto nazi sube ao escenario, entre aplausos, Juan Villalobos. Entre o seu panexírico de Adolf Hitler, lanza o fascista Villalobos Solórzano unha advertencia: hai que vixiar a quen pecha o puño no peto, moito máis perigoso di Villalobos, que quen o fai en público por odio. Di Villalobos que Alemania estaba nun estado caótico, a causa do marxismo, e que un home, Adolf Hitler, restaurou a orde co seu mando. Despois a proxección de “A forza da vontade” e os berros nazis ecoando, ironía macabra, tan preto dos cadros de Souto e de Colmeiro. O piano do músico republicano Manuel Sariñena fai tempo que está cercado polo silencio. Se cadra Wagner de contra Bach. Quere a casualidade que o día anterior morra Maria de la Asunción de Polanco y Drake de la Cerda, ou o que é o mesmo, a esposa de Evaristo Correa Calderón. E agora debemos dar un pequeno salto, un salto de dous anos e un mes, un salto que nos leve a unha editorial curiosa cando menos para un xornal lucense, unha editorial que enlaza delicadamente co acto nazi de 1937. “Cuando los judíos actúan ...” leva por título a editorial: “Ultimamente, la Prensa francesa que sentía el patriotismo, ha dado la voz de alarma acerca de las maniobras que los judíos, de acurdo con Moscú, venían desarrollando para adueñarse de Francia. La guerra de España ha dado ocasión a la prensa digna para descubrir concomitancias, negocios sucios, finalidades anti-francesas de las que eran autores o cómplices los judíos residentes en Francia.Incluso se ha puesto de manifiesto como un Blum, de origen hebraico, ponía los ideales de su raza por encima de los ideales de la Patria en la que residía. (...) Para los judíos, es Francia la nación de occidente en la que tienen puestas sus mejores esperanzas. Ha fallado la carta de España, jugada en convivencia con los rojos de todo el mundo. Y no quieren que falle la carta de Francia. Por eso es preciso que Francia caiga aherrojada, sin derecho a la protesta pública, en manos del judaísmo. Y sabido es que cuando los judíos actúan es para causar a alguien un perjuicio. Ahora se intenta perjudicar a Francia. Pero hay que esperar que la nación francesa, que tiene reciente el ejemplo de España, no ha de avenirse a ser una esclava de los <ghetos>”.
Editorial publicada en Lugo en 1939
Palabras premonitorias cando menos as que se publicaban en Lugo en 1939. Palabras infames, se temos en conta, que a palabra “ghetos” collería unha dimensión diferente en poucos meses, unha dimensión que pasa por nomes como os de Cracovia, Varsovia, Lodz ... unha palabra maldita definitivamente pero que non produciría nin a máis mínima desculpa por parte dos xornalistas lucenses unha vez que a historia revelou toda a infamia do ser humano. Pensaría nesa palabra Ramón Ferreiro Rodríguez-Lago cando chegou ao seu posto de gobernador civil en Maio de 1941? Pensaría nos ghetos? Porque o primeiro documento que Ramón Ferreiro terá encima da súa mesa de gobernador lucense non será outro que a circular enviada pola Dirección General de Seguridad para que realice informes individuais de “todos los israelitas nacionales y extranjeros afincados en esa provincia”. Faríao Ramón Ferreiro? Iría algún nome lucense naquela lista de 6000 xudeus que José Final Escrivá de Romaní, Conde de Mayalde, levou a Berlín para facerlle entrega a Heinrich Himmler como regalo de Franco? Sabería Ramón Ferreiro que entre eses nomes estaba o de Germaine Cahen, esposa xudía do seu amigo o poeta Jorge Guillén? Aparecía algún nome lucense o 20 de xaneiro de 1942 no pazo de Wansee, preto de Berlín, na lista de xudeus españois que levaba gardada nunha carpeta Reinhard Heydrich, acompañado de Adolf Eichmann, para asistir a unha reunión que a historia coñecerá como “a solución final”?.      

Pero estamos en 1937, o 1 de Marzo, e entre todas as figuras que se dan cita neste acto fascista destaca unha, cando menos unha central nesta nosa historia: a do cónsul alemán na provincia de Lugo, empresario do wolframio nazi e señor absoluto da comarca de Lemos, Federico Guillermo Cloos.
Federico Guillermo Cloos
Pero teremos tempo para falar de Cloos, de Friedrich Wilhem Cloos, ou o que é o mesmo, o espía nazi en busca captura polos aliados despois da guerra con prioridade III e grao de oficial, non se vai ir Cloos pola porta de atrás da historia de forma tan doada, é unha figura central, como ben sabía a OSS americana. De momento Cloos asiste a este acto de exaltación do partido no que milita, é dicir, do Partido Nacional Socialista de Adolf Hitler, acompañado polas autoridades lucenses. Agora soa o himno de España e remata o acto nazi en Lugo. A xente pérdese naquela noite de Marzo polo silencio do Cantón Velarde. É certo, vai frío en Lugo. Aínda o que mais doe, o que é, sen dúbida, máis ferinte, é aquel carteliño que queda, entre solitario e macabro, colgado nas portas do Círculo das Artes: “Agotadas todas las localidades”.   

jueves, 10 de julio de 2014

Un poeta lucense nos Andes: A historia de Alfonso Díaz.

Era un poeta pésimo. Caía en todos os tópicos románticos. Se cadra en todos os tópicos sen máis. Publicou un solitario libro de poesías con 134 composicións que, en xeral, causaron unha certa hilaridade e unha serie de críticas xornalísticas enchidas de ferocidade. Pero tiña unha vida apaixonada e aventureira que deixaba un pouso novelesco a través desas covachas ocultas da nosa historia. Tivo tres grandes paixóns: o xornalismo, a poesía de Amado Nervo e a música de Pascual Veiga. Alfonso Díaz naceu en Lugo polos anos noventa do século dezanove e axiña decidiu marchar de emigrante a Mendoza. O seu irmán Constantino Díaz, funcionario da deputación lucense, nos seus días derradeiros, gardaba como un tesouro a única edición do libro de poesía de Alfonso,  “Bajo el cielo argentino”, publicado en San Juan de Cuyo no ano 1922. A casualidade quixo que eu conseguise salvar unha copia fotocopiada daquel exemplar e sentir, de paso, unha compaixón cómplice con aquel poeta romántico que marchou de Lugo para escribir o seu destino nos Andes. Sen dúbida, non pasará á historia da poesía o noso lucense. Pero a súa vida merece unhas liñas e un breve espazo para a lembranza.
Único retrato conservado de Alfonso Díaz.

Sabemos que en 1913 aínda vive en Lugo e que publica varios artigos no xornal lucense “El Norte de Galicia”. O primeiro artigo que envía chamábase “Divino Arte”, un artigo escrito na gabanza da agrupación relixiosa e conservadora Juventud Antoniana de Lugo, que a pesar da súa ideoloxía conservadora recolleu no seu seo o xermolo do galeguismo lucense con nomes como os de Xesús Bal y Gay, Antonio Prado ou Pepe Pimentel e que é o centro da fundación do coro lucense “Cántigas e Aturuxos” que foi o coro que amenizou aos asistentes á Asemblea Nazonalista de Lugo. Supoñemos polo tanto que o noso poeta antes de emigrar formou parte desta asociación que se creou entre os anos 1909 e 1910 na sé dos PP. Franciscanos na Praza Maior de Lugo.  Alfonso Díaz envía varios artigos máis dos que destaca “Juventud demócrata!” onde escribe: <Como gallegos nos envanecemos de pertenecer a la antigua Suevia, madre de tantos hijos ilustres, la adorada Galicia de nuestros días>. En xullo dese mesmo ano marcha para A Coruña onde embarca para a Arxentina segundo as crónicas “para ganar una posición y un nombre”. Seguramente coa intención de conseguir fama literaria e xornalística. A arela dunha aventura indeterminada que será unha constante na súa vida. En Outubro sabemos que vive na cidade de Mendoza onde continuará durante anos combinando a súa estadía na cidade andina, que tanto amou, de San Juan de Cuyo. “El Norte de Galicia” publica daquela unha crónica súa coa viaxe que fai desde Bos Aires a Mendoza, onde o noso lucense berra tamén con liberación: “Aquí no hay inquisición, ni caciquismo!” e que publicamos a continuación.

De todas formas, as cousas non debían ir moi ben para o noso romántico lucense porque meses despois, en Abril de 1914, publica un artigo cheo de saudade e desengano que leva por título “Desde la Argentina. Ilusión y realidad”: “Lector amable, con gran ingenuidad y sobrada franqueza os confesamos haber sufrido un yerro más de los yerros de la vida; haber sido engañado por uno de los engaños del mundo; habernos sorprendido ante la ilusión ficticia que antes abrigábamos, cuando fastidioso y frío el ambiente de nuestro pueblo, deshecho y esparcido el nido que acariciara nuestras esperanzas, tomamos la resolución atrevida, de salir al desierto de las peregrinaciones, para abrigarnos a otro sol, al calor de meditadas eventualidades, a colaborar silenciosa, conjuntamente en nuevas sociedades, entre ajenos individuos”.
A súa vocación de xornalista levouno a traballar en distintas publicacións e xornais con desigual sorte. A finais dos anos vinte sabemos que traballa para “La Gaceta Española” de Mendoza e que asiste en 1926 a unha reunión de xornalistas galegos como podemos comprobar nesta fotografía que inmortalizou aquela reunión:

Pero antes, en 1922, publicará aquel libro solitario ao que puxo un apelido claro da súa forma de entender a vida: “Breviario de amor de un caminante”. Das poucas crónicas positivas, unha de El Heraldo Gallego que tamén sinala as dificultades de Alfonso na emigración andina: “Frecuentaba las redacciones de los diarios, como un medio de satisfacer las exigencias materiales de su cuerpo: pero su espírito soñador, su alma de poeta, vagabundeaba henchida de esperanzas, ilusiones y nostalgias deteniéndose como la mariposa que aletea sobre las flores”. No libro, no que colabora Ramón Subirats como ilustrador, diversas poesias adicadas a Lugo, a Valle, a Amado Nervo, e sobre todo a San Juan de Cuyo ao que o lucense denominou “una ciudad en los Andes engarzada”. O fracaso foi rotundo. Unha vez máis.

Para Bos aires marcharía nos anos trinta a colaborar en distintos medios e iniciar de novo  súa escrita nos xornais lucense como “El Progreso” ou no xornal “Las Riberas del Eo”.
Poesía de Alfonso Díaz.


Pero foi a súa achega derradeira os datos recollidos para a vida do músico mindoniense Pascual Veiga. Foi Alfonso Díaz quen enviou datos moi importantes ao historiador Eduardo Lence Santar recollidos das innumerables conversas que na Arxentina o noso lucense tivo co fillo do autor do himno galego, Agustín Veiga Valenzano. Eduardo Lence Santar agradecerá publicamente aquela achega valiosa do noso poeta lucense. Non sabemos moito máis dos seus últimos días, lembraría se cadra aquelas montañas nevadas nas noites de San Juan de Cuyo, os amores imposibles, unha cidade dominada pola montaña e por suposto aquelas rúas dun Lugo que na súa memoria ficaría, xa para sempre, como unha cidade eterna.